Saturday 18 de May de 2024

O Concello de Brión aproba a modificación puntual do Plan Parcial de Monte Balado


Unanimidade do Pleno á hora de solicitarlle á Xunta a ampliación do CEIP de Pedrouzos e a incorporación dunha segunda liña para o curso 2017/2018 ante o aumento previsto de nenos e nenas

O pleno municipal do Concello de Brión aprobou a modificación puntual do Plan Parcial de Monte Balado e desestimar a única alegación recollida no tempo de exposición pública, presentada polo concelleiro non adscrito Xesús Pena Espiña. Unha aprobación que contou cos 10 votos a favor do PSOE e o PP, a abstención do BNG e o voto a favor do concelleiro que presentou a alegación.

O alcalde de Brión, José Luís García, deu lectura a un informe técnico e xurídico para desestimar todas as cuestións plantexadas na súa alegación polo concelleiro non adscrito. Neste sentido, este informe rexeitou que se trate dunha manobra especulativa sobre un solo urbano consolidado, como denunciaba o concelleiro. En primeiro lugar, a modificación faise sobre un solo urbanizable (non urbano consolidado) e “o que se pretende non é ningunha manobra especulativa, como suxire o alegante, senón unicamente posibilitar que a edificabilidade asignada polo Plan Parcial a cada unha das parcelas de equipamento (Ordenanza B) se poida implantar non só na propia parcela en cuestión, senón tamén en outras parcelas que se atopen cualificadas baixo a mesma Ordenanza B”.

Deste xeito, José Luís García apuntou que “desta maneira simplemente se abre unha posibilidade, que despois poderá ser levada a cabo ou non. E este Pleno será o que terá que decidir, en todo caso, se acepta ou non esa posibilidade que se lle presente”.

Legalidade da modificación

Pola súa banda, o concelleiro non adscrito mantívose na súa alegación e dixo que a modificación “claro que se move na legalidade, pero está no límite” e insistiu en que “aquí hai gato encerrado, non me gusta”. Un comentario que motivo unha contundente resposta por parte do alcalde brionés, quen lembrou que a modificación “non está no límite. É legal, sen dúbida ningunha” e lamentou que o concelleiro queira lanzar dúbidas sobre o proxecto coas súas declaracións.

Na legalidade da modificación coincidiron tamén PP e BNG. O voceiro popular, José David García Arcos, indicou que “ou é legal ou non o é. Dicir que está nos límites queda moi bonito pero non ten sentido” e defendeu que “o que se fai é ampliar posibilidades a un espazo que está morto e calquera cousa que se faga ten que pasar primeiro polo Pleno”. Neste sentido, insistiu en que “é mellor ter máis posibilidades para que aumenten as opcións de que veña un proxecto de interese. Non vexo o problema”.

Pola súa banda, o voceiro do BNG, José Luis Penas Corral, refrendou que “o Concello actúa dentro da legalidade e sen especulación, pero non teño seguro cal é a intención final da promotora. Non entendo o escurantismo por parte deles. O gato non está agachado no Concello, senón da empresa que está detrás”.

O alcalde brionés pechou o debate lembrando que “a nosa obriga é buscar o mellor para os nosos veciños” e indicando que “a pre-poposta que eu coñezo, se finalmente se presenta e ten as prestacións para os veciños que ten que ter, estou convencido de que contará co apoio unánime deste Pleno”.

Colexio

No que atinxe ao resto da orde do día, o alcalde deu conta ao Pleno do informe de escolarización do alumnado de infantil e primaria do Concello de Brión para o curso escolar 2017/2018. “O informe apunta que para o ano que vén fará falta unha liña máis en primaria, o que nos levaría a ter que ampliar o Colexio. Terreo hai e acordamos iniciar os trámites para solicitar a ampliación do CEIP de Pedrouzos”, plantexou José Luís García. Unha proposta que foi respaldada pola unanimidade dos grupos políticos municipais. Así mesmo, informouse ao pleno do período medio de pago do primeiro trimestre, situado en -7,04 días.

As dúas mocións presentadas para o seu debate foron rexeitadas cos votos do Grupo de Goberno. O BNG solicitaba a declaración de Brión como “Concello libre de circos con animais”, pero o alcalde lembrou que a concesión de licenzas é un procedemento regrado, que o alcalde non pode saltar pola aprobación dunha moción. Neste sentido, apelou á próxima tramitación da Lei de Benestar Animal para que recolla este tipo de cuestións.

Tamén se rexeitou a moción do concelleiro non adscrito, que pedía a incorporación do Concello de Brión á Rede Galega de Teatros e Auditorios. García explicou que é unha cuestión na que Brión está interesado pero “non estamos porque non podemos. Hai que cumprir uns requisitos mínimos nas instalacións e nós non o facemos”. Así, puxo como exemplo que o único local municipal válido sería o auditorio do polivalente, pero que non cumpre coas dimensións mínimas do escenario nin co número de butacas esixido.